IES Xesús Taboada Chivite
A violencia de xénero non é cousa dun día. Son meses, semanas, anos…, e pode que incluso unha vida! A parella non é a única vítima. Tamén viven neste ambiente cativos que sofren esta violencia. Quizais se non foramos tan cegos, se non foramos tan mudos, seriamos o suficientemente valentes para salvar unha vida, pero nós, esa masa inxente e tantas veces silenciosa que formamos a sociedade, non axudamos o suficiente a erradicar este problema: amigas da vítima que axudan a culpabilizala, ou que lle din que debe aguantar submisa o maltrato; amigos del que seguen a transmitir a idea de que ás mulleres non hai que darlles liberdade, senón subxugalas; unha sociedade, en definitiva, que continúa amalloando a liberdade da muller, negándolle uns dereitos elementais que lle corresponden por ser un ser humano, igual de libre có home. Ante esta ladaíña de desigualdades, e en denuncia forte e contundente delas, quixemos berrar “Nin unha máis!”.